Monday 29 de April de 2024

Rueda destaca o compromiso da comunidade educativa na defensa do medio ambiente e na formación ambiental das novas xeracións galegas


 Pon en valor a iniciativa ambiental, que permitiu poñer en marcha máis de 6.000 proxectos que involucraron a un millón de estudantes e a 50.000 mestres de toda Galicia

 Recorda que Galicia foi quen de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro case un 36% desde o ano 1990, unha diminución 30 puntos maior que a media nacional

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso da comunidade educativa na defensa do medio ambiente e na formación ambiental das novas xeracións galegas.

O titular do Goberno galego participou, xunto coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na entrega da 25ª edición dos premios Voz Natura, unha iniciativa que naceu para concienciar e implicar á comunidade escolar na recuperación e defensa da natureza e que conta co apoio da Xunta de Galicia tanto na súa vertente ambiental como educativa.

Alfonso Rueda subliñou que a colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda baséase no feito de que “a defensa da contorna e a redución da contaminación é unha prioridade para a Xunta de Galicia”, en tanto que desde o punto de vista educativo, o programa conta co obxectivo de formar ás xeracións máis novas “para asentar un futuro sustentable”.

A Xunta de Galicia apoiou nos últimos anos esta iniciativa pioneira e recoñecida con numerosos premios coa posta en marcha do programa Naturacción, destinado á conservación e defensa do medio ambiente na provincia de Lugo; en particular, na Mariña Lucense, co obxectivo de promover proxectos de innovación ambiental interdisciplinarios en todos os centros educativos participantes.

O Goberno galego asinou, ademais, un protocolo de colaboración coa Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, promotora de Voz Natura, para que o programa fose recoñecido como actividade de innovación educativa, co obxectivo de certificar aos docentes que coordinan as iniciativas, e que foron 327 no presente curso.

Ademais, a Xunta conta co Plan Proxecta+, que fomenta a innovación educativa nos centros a través de programas que apostan polo traballo cooperativo, coa posta en marcha de 42 proxectos no curso 2021/22.

O presidente da Xunta, que fixo entrega do premio Galicia ao CEIP A Lama de Pontevedra, felicitou á comunidade educativa galega polo seu compromiso co medio ambiente, “unha proba máis da aposta da sociedade galega polo coidado da contorna”. De feito, recordou Rueda, Galicia foi quen de reducir as emisións de gases invernadoiro case un 36% desde o ano 1990, unha diminución 30 puntos maior que a media nacional.

Máis dun millón de escolares galegos involucráronse nun proxecto no que 50.000 mestres colaboraron no desenvolvemento de máis de 6.000 proxectos a través do programa Voz Natura. “Son 6.000 novas vidas”, destacou Rueda en referencia a que, a través desta iniciativa ambiental, alumnos e mestres levan 25 anos coidando o medio ambiente, educando na necesidade de respectar o planeta e formando patrullas de concienciación ambiental que repoboaron montes, recuperaron espazos degradados, avanzaron na reciclaxe, coñeceron e recoñeceron a flora e a fauna autóctona e adquiriron hábitos saudables, entre outras moitas actuacións.

Alfonso Rueda animou aos colexios participantes a seguir traballando no coidado da contorna coa colaboración do Goberno galego e de toda a sociedade. “Que esta sexa a nosa pegada por un mundo mellor”, desexou o presidente.